Friday 19 de April de 2024

O PSOE de Trazo propón incluír no POS+2020 dúas sendas peonís, nas parroquias de Morlán e Castelo, e unhas beirarrúas en Berreo


 

Domínguez adianta que no Pleno “defenderemos que se destinen os cartos do POS+2020 a obras que melloren a calidade de vida da veciñanza e estaremos en contra de que vaia para gasto corrente”

O PSOE de Trazo vén de presentarlle ao Goberno local do PP a súa proposta de obras a incluír no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, Plan Único de Concellos POS+ 2020, que se debaterá en Pleno o próximo mércores. A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, adianta que “os socialistas queremos que se invistan eses cartos na realización de obras que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas de Trazo xa que é unha das poucas, por non dicir a única inversión en obras que se fan no municipio cada ano”.

Así, os socialistas propoñen a inclusión de tres obras no POS+ 2020, que ascende no caso de Trazo a 429.892,24 euros. A proposta do PSOE de Trazo inclúe a construción de dúas sendas peonís e un tramo de 150 metros de beirarrúas na parroquia de Berreo, para garantir a seguridade no acceso á parada do autobús. A primeira das sendas tería lugar entre a capela de Santa Eufemia (Vilouchada) e A Cuca (Morlán). A segunda sería na parroquia de Castelo, na estrada que une A Torre a Viladarreira, ata o cruce da Igrexa.

“Os socialistas de Trazo estaremos sempre a favor de que se fagan obras, a tres que propoñemos ou doutras que se leven a pleno, sempre que melloren a calidade de vida da veciñanza e estaremos en desacordo con que se lles quiten eses cartos aos veciños para destinalo a gasto corrente”, apunta Beatriz Domínguez.

O POS+ 2020 destina ao Concello de Trazo un total de 429.892,24 euros, distribuídos en tres achegas: Achega Provincial 2020 (199.462,71 euros), Achega Provincial 2019 (48.271.8 euros) e Préstamo Provincial 2020 (182.157,73 euros).